Inicio > Nace "Ollos de aula"

Nace "Ollos de aula"

9/11/2012

Co comezo deste curso, comezan moitos proxectos. Un deles e ó que lle damos a benvida nesta entrada do blogue: Ollos de aula, a “revista para as familias do alumnado” que edita a Coordinadora Galega de ENDL (aquí tés a ligazón para descarregala).

Seguidamente podedes ler a presentación desta nova publicación:

O que tes nas túas mans é o primeiro número de Ollos de aula, unha revista (revistiña) que chegou a ti grazas ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro no que estuda o teu fillo/a e á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Se todo vai ben, recibirala na túa casa unha vez ao mes.
O obxectivo da publicación é achegarvos información variada ao redor da educación e convidarvos a reflexionar sobre aqueles temas que vos poden preocupar como nais e pais. Ao longo das  distintas seccións procurarase darlle resposta ás preguntas que nos formuledes, afondar en temas de actualidade, explicar conceptos propios do ensino ou achegarvos suxestións (lectura, música, viaxes…) para poder compartir cos vosos fillos/as, sen esquecer, loxicamente, a nosa lingua e as reflexións sobre a súa aprendizaxe.
Buscaremos sempre que os artigos sexan asinados por profesionais do ensino ou por especialistas na materia que se trate, co obxectivo de que a información sexa rigorosa e se axuste o máximo posible á realidade que se vive nos centros e nas vosas casas.
Somos conscientes da humildade destas oito follas, pero gustaríanos que Ollos de aula fose unha canle de comunicación entre o centro e as familias e poder, así, acompañarvos na difícil tarefa de educar aos vosos fillos/as.


Etiquetas: novas publicacions

Comentarios

Formulario de contacto

Tódolos campos son obrigatorios

Onde estamos?

Rúa Abelardo Arce Mayora, 24
32970 - Seixalbo, Ourense